VoluntariadoVoluntariado

No transcurso dos anos, a Asociación San Xerome foi levando a cabo Programacións de Voluntariado que con moito esforzo se puideron soster con excelentes resultados.

Dende Setembro de 2011, empezáronse a perfilar novas liñas de intervención que apostan firmemente pola implicación das persoas voluntarias nas actividades de Centro, co fin de garantir unha maior cobertura dos servizos personalizados, prestados a todas e cada unha das persoas usuarias.

O Plan de Acción da entidade contempla a labor voluntaria como un apoio fundamental para dar cobertura ás demandas das persoas usuarias e as súas familias. Ademais, queremos que as nosas persoas usuarias en cada momento poidan dispoñer dun número maior de apoios, precisamente porque en moitas ocasións chegan a ser moi necesarios. As persoas voluntarias reforzan  enormemente moitas actividades grupais de ocio, deporte, implicación comunitaria…, e sen a súa presenza sería difícil desenvolvelas con garantías.

Aínda que dispoñemos de actividade voluntaria na entidade, seguimos tendo necesidades de manter un voluntariado máis estable e crecente, dado que a dificultade coa que contamos é que gran parte do noso voluntariado é itinerante e presta o seu apoio en función da súa actividade laboral ou o seu paso temporal pola comarca. Precisamos chegar a un perfil máis extenso da poboación e isto conleva grandes esforzos.

No último ano, apostamos por unha liña de traballo máis flexible co voluntariado, adaptándonos na medida do posible a ese estilo de vida predominante, onde o tempo é ouro e non sempre se dispón de todo o tempo que se quere.
Por outra banda, contamos cun sistema de Coordinación de Voluntariado que empatiza coas necesidades de persoas usuarias e persoas voluntarias.
A nosa liña actual de traballo pretende impulsar unha dinámica de acción conxunta coas persoas voluntarias, e mellorar o Plan de formación para cumprir coas expectativas do proxecto do Centro, das familias, das persoas usuarias e como non, das persoas voluntarias en cuestión. Isto é unha necesidade prioritaria, e traballando dende a implicación, o rendemento da acción é infinitamente máis efectiva.
O noso obxectivo é visibilizar e fortalecer os ideais que definen o voluntariado como un movemento social entre a poboación da Comarca, mediante un acompañamento constante e comunicativo que sirva de apoio a todas as persoas voluntarias, e unha formación orientadora para a súa capacitación, co fin de lograr melloras na calidade de vida das persoas con diversidade intelectual para as que traballamos.

Animámoste a formar parte da nosa Gran Familia Sanxe. Se queres colaborar co noso Equipo como voluntaria/o, ponte en contacto con nós no tlf: 986.61.37.19 ou por correo electrónico: correo@sanxerome.com.