Plan estratéxico 2012-1014

O San Xerome leva trinta anos avanzando. O proxecto foi medrando co esforzo de moitas persoas e institucións, e contou co mimo dunha contorna que sempre ofreceu un pouquiño de calor nos días de xeada, que non foron poucos. Hoxe, o San Xerome, ofrécese ao mundo como unha realidade presente e activa na vida da comarca do Baixo Miño.

O camiño segue a discorrer, e a ambición do comezo segue intacta. Seguimos querendo axudar a que todas as persoas poidan levar as rendas da súa vida, a que decidan o que entendan que sexa o mellor para elas, a que conten con apoios para ser felices e contribuír a unha comunidade na que paga a pena vivir.

Para forxar ese futuro, cómpre ter un plan. Cómpre ser fieis ao que somos. Cómpre actuar con intelixencia e determinación. Cómpre avanzar xuntos, en equipo.

A elaboración do Plan foi un proceso apaixoante ao que se convocou a todas as persoas do San Xerome. Algunhas formaron parte da Comisión, o motor do proceso. Aí estiveron Carlos, Joana, Elisa, Ana Álvarez, Marisa, Lúa, Bene, Tere Piñeiro,  Víctor, Emilio Lomba, Lucía Flora, Ana Martínez e Ciano, como coordinador.

Tamén houbo achegas dende os Grupos de participación. Aí empuxaron Ana Lomba, Pili, Patricia, Tato,Trigo, Fran, Mari, Marian, María,Mari, Pepe, Rut, Asun, Lorena, Roberto, Fátima, Lucas, David, Fedra, Belén, Silvia, Merchi, Antolín, Víctor, Elena, Emilio Álvarez e Kiñas.

O pistoletazo de saída ao proceso de elaboración do Plan o deron as persoas con discapacidade o xoves 24 de marzo de 2011, día en que foron quen de indicar, a todos os profesionais, familias e directivos do San Xerome, o que esperaban e querían do futuro. Dende ese día, e ata o luns 3 de setembro de 2012, no que se presentou o resultado do traballo aos profesionais do San Xerome, sumáronse innumerables horas de reflexión persoal, de conversación compartida, de contraste de avances, de reconsideracións, de debates, de análise…

As oito sesións de traballo da Comisión (máis de 320 horas de traballo dun grupo de máis de 12 persoas), as tres sesións de traballo dos Grupos de participación, as catro sesións de traballo do Equipo directivo, as reunións de Xunta directiva… falan dun proceso con substancia, reflexionado e compartido.

Non cabe dúbida de que o documento que che presentamos é froito da reflexión e traballo de numerosas persoas que estudaron, reflexionaron, compartiron, realizaron achegas… que, en definitiva, contribuíron a construír este itinerario de viaxe para o próximos tres anos que é o Plan Estratéxico 2012-2014. Neste documento que tes nas túas mans ofrécense os resultados dos esforzos realizados.

Na Misión, Principios e Valores poderás coñecer a razón de ser do San Xerome, a quen se debe, cales son os seus puntos de partida innegociables, os valores que inspiran a súa acción.

No apartado de Visión e estratexia e sucesivos, atoparás o contido máis determinante do documento: que posicionamento quere alcanzar o San Xerome no 2014, é dicir, a súa visión. Tamén as prioridades e obxectivos que se marca para poder alcanzar ese futuro que quere forxar.

As liñas de acción apuntan os grupos de actividades e tarefas que será oportuno desenvolver para que o San Xerome cumpra a súa misión, sexa o que está chamado a ser, isto é, unha organización promovida por pais, familiares e amigos de persoas con discapacidade intelectual que facilita ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias apoios e servizos profesionalizados que favorezan o seu crecemento persoal, integración sociolaboral, igualdade de oportunidades e desenvolvemento comunitario. Para mellorar a calidade de vida dos seus destinatarios, a asociación intervén e presta servizos profesionalizados no ámbito persoal, educativo, familiar e social, coa contribución de persoas voluntarias e outros axentes sociais.

Con este documento xa se ten o mapa. Agora comeza a apaixonante tarefa de transitar o territorio, de continuar facendo realidade o proxecto de dignidade que o San Xerome ofrece ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias na comarca do Baixo Miño. Resta avanzar no camiño.

Contamos contigo para camiñar, para facer realidade o futuro que acordamos.

Bo camiño!

>> Descargar o texto completo do Plan Estratéxico en PDF <<

Comentarios
Compartir
Xerhorta

Publicacións relacionadas